Monday 13 de May de 2024

O Concello de Brión pechou o exercicio 2016 cun remanente de Tesourería de case dous millóns de euros


Increméntase o inventario de bens e dereitos municipal por valor de máis 500.000 euros

O Concello de Brión pechou o exercicio 2016 cun remanente de Tesourería para gastos xerais de case dous millóns de euros (máis concretamente, 1.978.047 euros). Así se deu conta na sesión plenaria ordinaria do mes de abril celebrada esta mañá. Deste xeito, as contas brionesas cumpren con todos os requisitos do principio de estabilidade orzamentaria, coa regra do gasto e co límite de débeda estipulados polo Estado.

Por outra banda, na sesión de hoxe tamén se deu conta da rectificación da listaxe de bens e dereitos do Concello de Brión. Tras a actualización realizada no período comprendido entre o 31 de decembro de 2015 e o mesmo día de 2016, o inventario municipal incrementou o seu valor en máis de 500.000 euros. Así, o valor total actual ascende a 36.297.344,15 euros.

Finalmente, a Corporación municipal aprobou por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 10.447,57 euros. Este corresponde a facturas que non se puideron aplicar no exercicio anterior ou cuxa entrada no rexistro se realizou no presente ano. Tamén por unanimidade deuse luz verde á modificación da subvención nominativa ao Bastavales UD, que finalmente quedou nun máximo de 9.100 euros.